A construción alerta do risco «mortal» para o sector se os Concellos non revisan os prezos das obras adxudicadas

Miguel Ángel Caruncho, presidente da Asociación de Construtores de Pontevedra (ACP), mantiña este venres un encontro co deputado autonómico Luís Bará e coas integrantes da  Executiva Nacional do BNG, Eva Vilaverde e Carme da Silva no local social do Gorgullón.

Durante este encontro, o representante das empresas de construción trasladaba a preocupación do sector polo incremento desmesurado dos prezos tanto dos materiais como da enerxía durante os últimos meses que, segundo  manifesto, poñen en risco as obras públicas adxudicadas e a viabilidade das propias empresas.

Luís Bará lembraba que a construción é un sector esencial e estratéxico na provincia que move 23.000 postos de traballo directos e 100.000 empregos indirectos. Neste sentido, Caruncho expresou que na actualidade as empresas se atopan ante unha situación «kafkiana» cunha subida de prezos que non se daba nos últimos 60 anos, con custos de fabricación e de subministración derivados do aumento do prezo da enerxía, que resulta prohibitivo. Como consecuencia desta situación existe o perigo de que se executen obras adxudicadas hai seis meses ou hai un ano.

O representante do sector expresou que están a sufrir subidas dun 80 ou un 90% de media respecto a hai medio ano, con materiais como a madeira que experimentaron un incremento do prezo dun 110%, xunto a un 30 ou un 40% de subida no formigón, ademais dos aumentos en gastos de enerxía e gasoil para a maquinaria.

Fronte a esta situación, as empresas da construción piden un sistema para  reequilibrar os contratos e demandan unha revisión de prezos ou do propio contrato. Tamén requiren unha laxitude nos prazos destes contratos debido ao problema da chegada das subministracións.

«É paradóxico porque estes son dous, tres anos de máis investimentos nos últimos corenta ou cincuenta anos polos fondos europeos e polos investimentos das administracións públicas previstas», explicaba José María Caruncho alegando que «van quedar máis obras sen poder facerse motivado polo incremento desmesurado dos materiais».

Reclaman que os concellos póidanse acoller a esa revisión de contratos «para evitar a morte de empresas do noso sector». Luís Bará apuntaba que a nova normativa que regula os contratos públicos non aclara se os municipios se poden acoller a esta revisión de prezos.

Para Bará, o problema do incremento dos prezos ten, en parte, «causas especulativas. Hai quen se está beneficiando desta crise con beneficios desorbitados, e quen a está pagando».

Por este motivo, o BNG sinalou que «vamos dar a batalla para que se faga algunha modificación para buscar algunha solución e se revisen os prezos da contratación pública», indicou o deputado sinalando que levarán o tema ao Parlamento de Galicia e ao Congreso dos Deputados.