A conselleira Ángeles Vázquez participou nun encontro organizado pola Asociación de Construtores de Pontevedra no que subliñou que a aposta da Xunta polas políticas de rehabilitación e de vivenda de promoción pública repercutirán no crecemento do sector e incentivarán a formación de profesionais neste eido
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, emprazou hoxe ao sector da construción a traballar a carón da Xunta no obxectivo común de acadar un urbanismo responsable, capaz de compatibilizar a xeración de emprego e o asentamento da actividade empresarial en Galicia coa calidade de vida e os servizos públicos. Así o dixo no transcurso dun encontro informativo organizado pola Asociación de Construtores de Pontevedra para falar das políticas e accións que ten en marcha a Xunta en materia de vivenda e solo empresarial nesta provincia.
Así, a responsable de Medio Ambiente do Goberno galego referiuse ás distintas actuacións que está a impulsar o seu departamento e que teñen un impacto directo na actividade construtiva de Pontevedra. Resaltou, especialmente, a aposta da Xunta pola rehabilitación de inmobles co fin de destinalos a vivendas de promoción pública, impulsando non só actuacións de nova planta senón tamén outro tipo de intervencións destinadas a recuperar o patrimonio xa construído e volver a darlle un uso.
“O noso obxectivo é que a rehabilitación de vivendas resulte cada vez máis atractiva para os cidadáns e as medidas adoptadas nesta materia sexan máis eficaces”, recalcou a conselleira, para quen as diferentes liñas de axudas para rehabilitar dirixidas a concellos, promotores e particulares, así como as obras en marcha ou pendentes de adxudicación por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) contribúen a impulsar e activar o crecemento dun sector de suma importancia para Pontevedra e o resto de Galicia.
Nesta liña, Ángeles Vázquez tamén se referiu á futura Lei de Rehabilitación, actualmente en tramitación parlamentaria e coa que o Goberno galego establecerá un marco novo e propicio para fomentar a rehabilitación edificatoria e a rexeneración urbana de determinadas áreas, a través da simplificación e coordinación administrativa e da axilización de trámites.
Así mesmo, tamén se referiu á construción de nova vivenda pública en Pontevedra, unha provincia na que o foco se centra na actualidade en dous ámbitos de desenvolvemento: o parque de vivendas de Valdecorvos, no Concello de Pontevedra, e o de San Paio de Navia, en Vigo.
Finalmente, en materia de solo empresarial, Vázquez Mejuto puxo en valor o traballo desenvolvido polo seu departamento para garantir a existencia de parcelas nas que se poidan asentar novas actividades industriais e a política de bonificacións impulsada desde o ano 2015 co fin de incentivar e facilitar novos asentamentos empresariais.
Todas estas accións impulsadas pola Xunta en materia de vivenda, rehabilitación e solo empresarial, segundo indicou a conselleira, repercuten na actividade construtiva, redundando en beneficios para o conxunto da comunidade como a xeración de emprego, a atracción de novas empresas e o interese crecente entre os traballadores por formarse ou mellorar a súa capacitación para poder empregarse nun sector moi dinámico e que está a demandar persoal cualificado e especializado
@www.xunta.gal