A Asociación de Construtores de Pontevedra demanda persoal especializado

A Asociación de Construtores de Pontevedra nacía hai ano e medio para reunir a 30 empresas do sector na provincia, despois da desaparición de APEC. Este martes, a xunta directiva deste colectivo mantiña un encontro no Concello de Pontevedra co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e coa concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías para buscar fórmulas de cooperación de cara ao futuro.

Javier Carballeda, xerente deste colectivo, sinalaba que un dos seus obxectivos é crear un módulo de construción para que se poida formar a persoal especializado, unha das principais necesidades deste sector. Apunta á demanda que existe tanto de profesionais especializados como de persoal encargado de obra, de fontanería, de encofrado ou electricistas.

Actualmente, segundo a Fundación Laboral, o sector da construción emprega un 10% dos traballadores activos e aporta un 8% do Produto Interior Bruto. Amósanse optimistas de cara ao futuro despois da crise iniciada hai máis dunha década.

As causas desta falta de profesionais especializados débese a que un importante número de persoas que se dedicaban á construción cambiaron de profesión tras a crise financiera e buscaron outros sectores que repuntaron antes como o de servizos.

Segundo afirmaba a concelleira Anabel Gulías, o Concello conta con 493 licenzas solicitadas para a construción de vivendas. Unha cifra positiva despois de tanto tempo coa construción paralizada, apuntaba Carballeda, que confirmou o incremento tanto de obra privada como pública durante os últimos anos. Por este motivo, Anabel Gulías confirmou que apoiarán a estes sectores en crecemento e xeradores de emprego e, nese sentido, amosou interese por apoiar cursos de formación.

https://pontevedraviva.com/xeral/51778/asociacion-construccion-encontro-alcalde-anabel-gulias/