Javier Carballeda: «É frustrante que nun tempo de recuperación non se atope man de obra»

Javier Carballeda, xerente da Asociación de Construtores de Pontevedra, analizou esta mañá no Bos días a situación do sector. En concreto, dos problemas que están econtrando moitas empresas contrutoras para atopar traballadores

http://www.crtvg.es/informativos/javier-carballeda-frustrante-que-nun-tempo-de-recuperacion-non-se-atope-man-de-obra

«É un pouco frustrante que estamos nun tempo de recuperación dun sector que o pasou moi mal, e a parte negativa é que non se atopa man de obra. Segundo a Fundación Laboral da Construción, para este ano farían falta uns 4.300 traballadores», dixo Carballeda.

«As empresas están atopando moitas dificultades para atopar persoal. Tanto albaneis como peóns, que é o persoal máis demandado, como outros máis cualificados, como poden ser alicatadores, fresadores ou encargados de obra».

As consecuencias desta situación, dixo, «serán que algunhas obras non se poderían acometer e os prazos vanse demorar».

En canto ás causas que propician esta situación, Javier Carballeda cre que «hai moitos factores que inflúen. O primeiro é que a crise foi tan grande que moita xente foi expulsada do sector, buscou traballo noutro ámbito, xubilouse ou colleu as maletas e emigrou; e o segundo é que o sector da construción é un sector moi envellecido. Só o 15 por cento da poboación ocupada na construción ten menos de 35 anos».

Para el, a solución pasa por facer máis atractivo aos mozos o traballo na construción: «O sector está un pouco denostado. E é verdade que  non é doado, pero ten unhas condicións bastante dignas. Por poñer un exemplo, o soldo mínimo para alguén que empeza, na media de Galicia, é de 16.000 euros». E ao mesmo tempo tamén pide que a oferta formativa sexa maior: «É un pouco paradóxico que en Galicia a oferta da Formación Profesional no ámbito da construción non é moi grande, e aínda así custa que a xente se matricule neses ciclos, tanto medios como superiores», afirmou. «Deberiamos traballar coa Administración para que nos plans de formación teñan máis presenza as necesidades das empresas».

En canto ás cifras do sector en Galicia, Carballeda explicou que «agora mesmo hai preto de 79.000 persoas traballando e estamos en niveis de PIB dun 6,7 por cento. Pero é que ademais son datos enganosos, porque o sector da construción dalle pulo a outros, a súa dimensión é moito maior. O valor que xera é moito maior do que din as estatísticas», asegurou